Monday 06 de May de 2024

Feijóo avoga por que as tres universidades e os sete campus galegos traballen en plena sintonía e buscando obxectivos comúns para consolidar o prestixio da universidade pública en Galicia


Salienta que para que a Universidade galega reverta todos os seus efectos positivos no tecido social e económico da Comunidade, cómpre ter perspectiva de conxunto e traballo coordinado para que o Sistema Universitario Galego poida proxectar todo o seu potencial no Espazo Europeo de Educación Superior e no resto do mundo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por que as tres universidades e os sete campus galegos traballen en plena sintonía e buscando obxectivos comúns para consolidar o prestixio da universidade pública en Galicia. Así o manifestou no acto de toma de posesión de Julio Abalde como novo reitor da Universidade da Coruña.

O titular da Xunta sinalou que para que a Universidade galega reverta todos os seus efectos positivos no tecido social e económico da Comunidade, cómpre ter perspectiva de conxunto e traballo coordinado para que o Sistema Universitario Galego poida proxectar todo o seu potencial no Espazo Europeo de Educación Superior e no resto do mundo.

No Plan de financiamento universitario 2016-2020 asinado a pasada semana, dixo, “está a proba de como antepoñendo os intereses de Galicia a calquera individualidade podemos aspirar a dotarnos dun Sistema Universitario máis competitivo, internacional e especializado”. E con esta fórmula, agregou, non só se ten aprobado o maior esforzo orzamentario da historia de Galicia en apoio da nosa Universidade, senón outros acordos como o decreto de titulacións, o mantemento das taxas universitarias más baixas do Estado ou o convenio de docencia clínica.

Feijóo salientou que a gran tarefa colectiva que teñen ante si as universidades galegas nos vindeiros anos é a de proseguir coa adaptación constante da oferta educativa e co desenvolvemento normativo; a de continuar fomentando a cooperación interuniversitaria e a de aumentar e diversificar as fontes de financiamento. En definitiva, asegurou, seguir impulsando a especialización universitaria que lle imprime ao Sistema Universitario de Galicia un valor engadido no panorama universitario español.

Son desafíos que, en palabras do presidente, débense afrontar con ilusión, con sentido de país e con plena disposición á colaboración para construír a Universidade de prestixio que Galicia merece.

Consolidar a madurez da UDC
Sobre a Universidade da Coruña, destacou que o mandato que asume Julio Abalde supón unha nova etapa onde consolidar a madurez desta institución con 25 anos de historia. Un período para continuar co seu labor de promoción social na cidade da Coruña, proseguir coa especialización do Campus Industrial de Ferrol, impulsar a internacionalización da Universidade e para mellorar a transferencia de coñecemento cara ás empresas e institucións socioeconómicas da súa contorna.

O Goberno galego, dixo, “está a estará ao lado das universidades e ao lado da Universidade da Coruña, apoiando as decisións que este novo equipo reitoral tome no desempeño da súa autonomía”, e convencido de que o Sistema Universitario Galego “ten por diante un camiño colmado de éxitos”. “A Galicia non lle falta talento e á nosa Universidade non lle faltarán recursos”, concluíu.